O anuncio foi realizado pola asociación organizadora, que presentou o programa xunto ao alcalde, Manuel Otero Legide; a deputada provincial de Cultura, Iria Castro; e o director territorial de Cultura da Xunta, Manuel Antonio Fernández. A comisión agradeceu o apoio do Concello, da Vicepresidencia da Deputación e da Xunta.
A programación comezará o 30 de abril co disparo de bombas de palenque, seguido dunha recepción á pregoeira e ás raíñas das festas no concello, coa presenza de diversas autoridades. A comitiva, acompañada polos xigantes e cabezudos e o grupo de gaitas Os Carricantos, dirixirase ao auditorio, onde terá lugar a lectura do pregón. Posteriormente, actuará o coro Mestre Pacheco, e a primeira verbena estará amenizada polo Grupo Beatriz e o DJ Alejandro na alameda.
O 1 de maio celebrarase a feira de gando cabalar no Campo dos Paxariños, con diversos premios. Paralelamente, desenvolverase un mercado de produtos do campo galego. A raíña das festas e as súas damas, xunto cos cabezudos e Os Carricantos, percorrerán os postos de venda, entre os que destacarán os de empanada, xa que se celebra unha nova edición da Festa da Empanada.
A décima edición do obradoiro de amasado artesán da empanada terá lugar ao mediodía, seguido dunha degustación gratuíta de pezas elaboradas por Panadería Rubal con carne de poldro e porco celta. Unha hora despois, os cociñeiros Juan Rubiños e Bruno Pena, da asociación lucense, ofrecerán tapas preparadas con produtos de proximidade e porco celta. A entrega de premios do concurso de gando dará paso á sesión vermú, animada pola orquestra Principal. Pola tarde, haberá un concurso de andaina de cabalo marchador nas modalidades serrada e chapeada, con premios para os catro mellores.
O espectáculo Cocinillas de Micromina Títeres poñerá o punto e seguido na Praza do Concello ás seis e media. En caso de choiva, trasladarase á Casa da Xuventude. A orquestra Principal e o grupo Sensación animarán a verbena. O sábado 2 comezará co espectáculo de narración oral As mil e unha, protagonizado pola contacontos Vero Rilo e o músico Luis Iglesias. Souto Xímaro ofrecerá o pasarrúas ao mediodía e a orquestra Pontevedra actuará na sesión vermú. A alameda acollerá pola tarde o escape room Os Segredos da Alameda, haberá maxia con Fernando Moreno no auditorio e verbena con Pontevedra e o grupo Aroma, que tamén animará o vermú do 3 de maio.




