Investigan un caso de maltrato animal en Mondoñedo por abandono de cabalos

A Policía Autonómica achou un poldro morto e outro en estado de inanición nunha finca de Cruz da Cancela.

Imaxe dun cabalo con signos de abandono e tristeza nos seus ollos, nun prado seco.
IA

Imaxe dun cabalo con signos de abandono e tristeza nos seus ollos, nun prado seco.

Axentes da Policía Autonómica en Lugo investigan a unha persoa por un presunto delito de maltrato animal, tras atopar varios équidos en estado de abandono nunha finca de Cruz da Cancela, en Mondoñedo.

A investigación iniciouse despois de que unha patrulla da Unidade de Medio Ambiente, dependente da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, observase un poldro sen vida nunha poza e varios cabalos sen acceso a auga, mostrando claros signos de abandono. Ante esta situación, os axentes comezaron as xestións para identificar o responsable da parcela e dos animais.
Posteriormente, outro efectivo da mesma unidade localizou o propietario da finca. Durante a inspección, os axentes confirmaron a presenza doutro cabalo tirado no chan, con evidentes síntomas de inanición e dificultades para erguerse. Por este motivo, requiriron ao responsable que garantise de inmediato a atención dos animais, asegurando o subministro de auga e a asistencia necesaria para os que se atopaban en peor estado.
Ademais, coordináronse actuacións con veterinarios da Consellería do Medio Rural para asegurar a atención urxente do equino malnutrido. As dilixencias instruídas foron remitidas ao xulgado de Instrución de garda.
Lémbrase que a Lei 32/2007, do 7 de novembro, para o coidado dos animais, na súa explotación, transporte, experimentación e sacrificio, establece normas básicas para o seu benestar. Esta normativa esixe que se adopten as medidas necesarias para asegurar que os animais non padezan dores, sufrimentos ou danos innecesarios nas explotacións.
Así mesmo, o Código Penal tipifica o delito de maltrato animal, sancionando condutas que causen lesións, provoquen a morte, impliquen abandono en certas circunstancias ou maltraten gravemente os animais.