O evento reunirá a deportistas masculinos e femininos para visibilizar o papel da muller na disciplina, tanto dentro como fóra da auga, e poñer en valor as súas traxectorias. Burela converterase nun espazo para practicar, aprender e compartir experiencias arredor do surf.
A iniciativa, impulsada pola Federación Española de Surfing co apoio de diversas entidades como Iberdrola, a Deputación de Lugo e o Concello de Burela, inclúe un clínic de surf feminino con traballo técnico e sesións prácticas, bautismos de surf gratuítos e un encontro baixo o título "Mujer y Deporte". Este último abordará cuestións como a igualdade de oportunidades, a creación de referentes femininos, o liderado, a conciliación e a presenza da muller nas estruturas deportivas.
A presidenta da Deputación de Lugo e alcaldesa de Burela, Carmela López, destacou a satisfacción da Deputación por colaborar na chegada deste evento á Mariña lucense, subliñando a oportunidade que supón para proxectar o territorio e valorar o traballo dos clubs de surf da comarca.
Ademais, a praia da Marosa acollerá o Longboard Concello de Burela, terceira proba da Liga FESurfing de Longboard 2026. As inscricións estarán abertas do 14 de agosto ao 7 de setembro cun prezo de participación de 40 euros.




