A IXP Pataca de Galicia estivo presente na sétima edición de Alimagro, a Feria do Agro de A Limia, que tivo lugar en Xinzo de Limia os días 5 e 6 de setembro. Este evento serviu como punto de encontro para o sector agrícola, permitindo achegar ao público a calidade, a orixe e a garantía que distinguen á Pataca de Galicia certificada.
A feira, que comezou o sábado coa inauguración oficial, reuniu a profesionais, empresas e entidades relacionadas co sector. Durante a fin de semana, os visitantes puideron coñecer de preto o traballo que se realiza na produción agrícola da Limia e a importancia de elixir produtos debidamente identificados.
“"Unha tortilla xigante, preparada con Pataca de Galicia certificada, ovos campero de Coren, cebola da Casa da Pataca e aceite de oliva de Aceites Abril, foi un dos momentos máis esperados do sábado."
A preparación desta tortilla xigante atraeu a numerosos visitantes, que posteriormente puideron degustar o resultado desta elaboración, estreitamente ligada á nosa gastronomía e realizada con produtos galegos.
O domingo, a Pataca de Galicia volveu ser protagonista cun showcooking e a degustación das propostas gañadoras do III Concurso de Patapas. As elaboracións 'Patapul' do Bar Monforte (primeiro premio) e a proposta do Café Miro Pereira de Central Heladera (segundo premio) preparáronse en directo, amosando a versatilidade da Pataca de Galicia certificada.
A participación en Alimagro permitiu seguir dando visibilidade á Pataca de Galicia certificada e ao labor dos seus agricultores, almacenistas e operadores. A certificación garante a orixe e a trazabilidade do produto, polo que se recomenda buscar o distintivo da IXP na compra de patacas.




