A administración local de Sada remitiu escritos ao Goberno central, a Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña e o Concello da Coruña, solicitando a convocatoria urxente da Comisión de coordinación relativa á xestión e usos do pazo de Meirás. Esta comisión foi constituída no ano 2021 e busca unha definición compartida para o futuro do emblemático inmoble.
“"Resulta imprescindible avanzar na definición compartida do futuro do pazo, dos seus usos e do seu modelo de xestión, defendendo que este proceso debe asentarse nos principios de memoria democrática, participación institucional e vinculación co territorio."
O Goberno local subliña a relevancia de que o propio Executivo central indicase, nunha resposta parlamentaria, que esta comisión sería a encargada de decidir sobre o destino definitivo do inmoble, o seu modelo de xestión e a posible cesión á Xunta.
Desde o Concello sadense considérase fundamental retomar os traballos institucionais e, se fose oportuno, actualizar o protocolo de colaboración existente. Isto permitiría adaptalo ao novo escenario xurídico derivado da firmeza da sentenza sobre a titularidade do pazo, así como activar a comisión técnica de asesoramento.
“"Desde o Concello de Sada entendemos que o futuro do pazo debe construírse desde a cooperación institucional, a pluralidade e o consenso, evitando dinámicas alleas ao espírito de colaboración interadministrativa que fixo posible a recuperación deste ben para o patrimonio público. Resulta fundamental garantir a presenza activa das administracións directamente implicadas, así como favorecer e activar instrumentos de participación e diálogo coa sociedade galega e, moi en especial, co movemento memorialista e as súas asociacións e entidades representativas."
Finalmente, o Goberno local reitera a súa disposición a seguir colaborando coas demais institucións para establecer un modelo de xestión que converta o Pazo de Meirás nun espazo ao servizo da memoria democrática, do interese público e da cidadanía.