A iniciativa busca implicar a veciñanza na construción de relacións baseadas na igualdade e o respecto, visibilizando o traballo anual do Concello e a importancia de actuar dende a escola, as relacións cotiás, o tecido asociativo e os espazos de participación cidadá.
A comunidade educativa terá un papel destacado. Do 16 de novembro ao 18 de decembro instalaranse Puntos Violeta e realizaranse obradoiros participativos nos CEIP e IES do municipio. Estas accións achegarán a prevención das violencias machistas á infancia e mocidade, promovendo a reflexión sobre a igualdade e o bo trato.
Para o alumnado de educación infantil, os días 25 e 26 de novembro desenvolverase nos CEIP o contacontos «Na túa man, contos pola igualdade», con Raquel Queizás, para achegar os valores da igualdade e o respecto dende idades temperás.
Tamén se enmarca na programación o obradoiro «Coñecerse é vivirse. Obradoiro de autodefensa feminista» con Carla Mosquera, que se está a desenvolver na Casa da Cultura de Perillo ata o 30 de novembro.
No ámbito comunitario, o distintivo «En pé contra a violencia de xénero» pode solicitarse na Concellería de Servizos Sociais e Igualdade e en Casa Echeverry, invitando os establecementos do tecido empresarial oleirense a facer visible o rexeitamento das violencias machistas.
O 25 de novembro iluminarase o Castelo de Santa Cruz e publicarase o manifesto municipal. A súa lectura no pleno municipal está prevista para o día 26.
O Concello de Oleiros convida a cidadanía a facer da igualdade un compromiso cotiá, apoiando ás mulleres que sofren violencia e promovendo contornos máis seguros e respectuosos.




