Desde hai anos, o Concello de Oleiros mantén unha firme postura na erradicación de especies invasoras, centrándose especialmente na Cortaderia Selloana. Esta planta, introducida en Galicia como ornamental, ten unha alta capacidade de proliferación, xa que cada exemplar pode xerar máis de 100.000 novas plantas se as sementes se dispersan. Por iso, a eliminación de raíz é crucial para evitar o seu rebrote.
Nos expedientes abertos para requirir a limpeza de maleza nas fincas do municipio, o Goberno local fai fincapé na necesidade de eliminar os plumachos de raíz, xa sexa por medios químicos ou mecánicos. Ademais, esixe un xustificante do tratamento empregado para considerar a parcela como limpa.
“"No caso de existir na finca plantas da especie Cortadeira Selloana (herba da Pampa ou plumeiros), a parcela só se considerará limpa se ditos exemplares son ELIMINADOS DE RAÍZ por medios químicos ou mecánicos."
O incumprimento desta normativa municipal e da Lei do Solo de Galicia pode levar a multas coercitivas que oscilan entre os 1.000 e os 10.000 euros, reiterables trimestralmente ata que se execute a limpeza. O Concello tamén contempla a posibilidade de realizar a execución subsidiaria dos traballos, pasando posteriormente a factura aos propietarios.
Aínda que o Concello é rigoroso nesta política, tamén recibiu críticas. Recentemente, un grupo político local denunciou publicamente que operarios municipais estaban cortando exemplares de plumachos sen empregar as medidas de contención adecuadas, o que podería contribuír á súa propagación. Esta situación levou a un chamamento a que o Goberno municipal "predique co exemplo" na súa propia xestión.




