O Concello de Oleiros volveu a criticar a Xunta de Galicia pola deficiente organización do servizo de transporte público na comarca da Coruña. Segundo o consistorio, as liñas que dan servizo a Montrove e Oleiros sofren unha falta de frecuencias, sobre todo nas horas punta, e os horarios non se axustan ás necesidades do alumnado de institutos como o IES Miraflores e o colexio Cristo Rei.
O Goberno municipal sinala que a Xunta rexeitou de forma sistemática todas as propostas formuladas polo Concello para mellorar o servizo nos últimos anos. Esta situación provoca que os autobuses circulen ateigados e que parte do alumnado non poida chegar a tempo ás aulas.
O malestar entre os veciños e estudantes é considerable, xa que o funcionamento actual do transporte público é cualificado como "pésimo" e "indigno" polo Concello, que demanda unha solución urxente por parte da administración autonómica.




