O xurado do Premio Otero Pedrayo 2026, organizado pola Deputación da Coruña, outorgou o galardón por maioría aos tres recoñecidos humoristas gráficos. A proposta, impulsada pola propia Deputación, destaca "o valor indiscutible do humor gráfico como contribución á cultura de Galicia" e o labor dos premiados por "levar 50 anos publicando unha viñeta diaria, sendo, por tanto, cronistas da historia de Galicia destes últimos 50 anos".
O Pazo de Mariñán acolleu a xuntanza do xurado, presidido por Anxo Manuel Lorenzo, director xeral de Cultura da Xunta de Galicia, e coa vicepresidencia de Natividade González, deputada de Cultura da Deputación da Coruña. Tamén participaron representantes doutras deputacións galegas, da Xunta de Galicia, da Universidade de Santiago de Compostela, da Universidade de Vigo, da Universidade da Coruña, da Real Academia Galega, do Instituto Padre Sarmiento de Estudos Galegos, da Fundación Otero Pedrayo, así como o poeta Luis González Tosar e o ilustrador Manel Cráneo.
O galardón, que conta cunha dotación económica de 16.000 euros achegada conxuntamente polas catro deputacións provinciais e a Xunta de Galicia, busca perpetuar a memoria de Otero Pedrayo e recoñecer contribucións eminentes á cultura galega. Coa resolución deste ano, Xaquín Marín, Siro López e Xosé Lois "Carrabouxo" súmanse a unha lista de premiados que inclúe á Coral Polifónica de Pontevedra (2025), Darío Villanueva (2023) ou Rosario Álvarez (2021).




