O programa de voluntariado interxeracional da Xunta de Galicia estenderase por localidades como Allariz, Bande, Betanzos, Cabanas, Camariñas, Moraña, Mos, O Porriño, O Porto do Son, Oia, Oroso, Ortigueira, Portomarín, Rianxo, Ribadavia, San Cibrao, Teo, Tui, Vedra, Vilalba, Vilanova de Arousa e Viveiro.
A través destas xornadas, que abranguen oficios como o coiro, o téxtil, a xoiería ou a madeira, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude busca enxalzar o coñecemento patrimonial e cultural das persoas maiores de 55 anos, recoñecendo o seu papel como conservadoras dos traballos tradicionais e artesanais.
As primeiras citas tiveron lugar en Teo e Ortigueira, centradas na cestería e no oficio das redeiras, respectivamente. Para mañá, domingo, está prevista en Portomarín unha xornada sobre a elaboración tradicional de zocos.
A programación de setembro inclúe tamén actividades en Vedra (zocos), Bande (xoiería), Vilalba (apicultura), Tui (xoiería), Cabanas (encaixe) e Viveiro (redería).
En outubro, as xornadas continuarán en Mos (zocos), Oroso (deseño con pel), Camariñas (encaixe), Oia (téxtil), Moraña (artesanía con follas de millo), O Porriño (cestería), O Porto do Son (coiro), Allariz (coiro), Rianxo (cerámica), Betanzos (cerámica), Ribadavia (madeira), Vilanova de Arousa (redeiras) e San Cibrao (cosmética rural e marmeladas artesás).




