A exposición colectiva Re Versións, inaugurada hoxe polo concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, e Nonito Pereira, convida á cidadanía a reinterpretar a memoria musical coruñesa. A través de 30 obras de artistas locais, a mostra toma como punto de partida a historia do Festival Noroeste Pop Rock, actual Festival Noroeste Estrella Galicia, inspirándose nalgunhas das referencias discográficas máis representativas da escena musical vinculada ao evento.
O obxectivo principal desta iniciativa é pór en valor o legado musical da Coruña mediante un diálogo entre a creación contemporánea e as bandas e artistas que formaron parte da historia do festival. As obras presentadas reinterpretan portadas de discos icónicos, ofrecendo novas lecturas dun patrimonio cultural compartido por varias xeracións. Entre os artistas cuxas referencias discográficas serviron de inspiración atópanse nomes como The Cure, Pretenders, Suede, New York Dolls, Primal Scream, Status Quo, Madness ou The Stranglers.
"Esta mostra reforza o compromiso do Goberno de Inés Rey coa cultura de proximidade, coa memoria musical da Coruña e co talento creativo local, ofrecendo novas miradas sobre un festival que forma parte da identidade cultural da cidade", sinalou Gonzalo Castro.
A exposición poderá visitarse ata o 8 de agosto na Casa Museo Casares Quiroga. O horario de visita é de martes a sábado, de 11:00 a 13:00 horas e de 17:00 a 20:00 horas. Esta actividade contribúe á programación cultural do verán e reforza o compromiso do Concello coa promoción da cultura e o apoio á creación artística.
Ademais, organizaranse visitas comentadas destinadas a contextualizar as propostas artísticas e a amosar os vínculos entre a memoria musical do Festival Noroeste, o patrimonio documental e a creación contemporánea. Para participar nestas visitas, será necesario cumprimentar o formulario web dispoñible en [https://reversionesnoroeste.com](https://reversionesnoroeste.com).
A actividade está organizada polo Concello da Coruña en colaboración coa Asociación Musical Nonito Pereira.




