Este programa busca blindar a protección permanente das vivendas financiadas con fondos estatais. Os recursos destinados a Galicia empregaranse na construción de promocións de vivenda accesible, a rehabilitación de bloques e axudas para mozos, inquilinos, compradores e a rexeneración urbana e rural.
“"Trátase de fondos récord que veñen a reforzar a capacidade de actuación da comunidade autónoma e dos concellos, nun cambio de enfoque ante o problema da vivenda."
A ministra de Vivenda, Isabel Rodríguez, destacou que o plan se asenta en tres piares fundamentais: garantir a perpetuidade da condición de vivenda protexida para calquera inmoble financiado, buscar a corresponsabilidade coas comunidades autónomas para triplicar o financiamento (aínda que finalmente os fondos serán achegados integramente polo Estado), e establecer un sistema unificado de información e xestión de datos.
A pesar do compromiso inicial de ter o plan aprobado antes de finais de 2025, este chega con máis de catro meses de atraso. Na súa fase inicial, atopou unha forte oposición por parte dalgunhas comunidades autónomas, que criticaron a falta de negociación. Aínda que o Goberno incorporou algunhas das demandas rexionais, o respaldo xeral non foi amplo. Sindicatos de inquilinos e asociacións do sector consideran que o plan está "afastado da realidade" e que o seu orzamento é "ridículo".




