O Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC) celebrou este venres a acollida de 132 novos residentes que comezarán a súa formación sanitaria especializada nos distintos centros da Área Sanitaria da Coruña e Cee. A nova promoción, que este ano estrea como principal novidade a especialidade de Medicina de Urxencias, está integrada por 65 residentes de especialidades hospitalarias, 39 de Medicina Familiar e Comunitaria, 22 de Enfermería, 2 de Farmacia, 2 de Psicoloxía e 2 de Bioloxía.
Estes novos profesionais desenvolverán a súa formación nos hospitais Universitarios da Coruña, Teresa Herrera, Marítimo de Oza e Abente e Lago, así como nos distintos centros de saúde da área sanitaria. O xerente da Área Sanitaria, Luis Verde Remeseiro, destacou a importancia da incorporación de novos profesionais en formación, sinalando que "Os residentes estimulan aos propios integrantes da institución a manterse actualizados e a transmitir os seus coñecementos e experiencia para seguir formando especialistas de recoñecido prestixio nacional e internacional".
Remeseiro tamén puxo o foco na actividade investigadora como un dos piares da formación que ofrece a área sanitaria, subliñando que os novos residentes terán a oportunidade de integrarse en grupos de investigación consolidados e participar en proxectos sobre enfermidades prevalentes e patoloxías minoritarias. "Unha organización ou un profesional que non investiga e non se expón preguntas está abocado a estancarse", afirmou.
O xerente tamén recoñeceu o traballo dos profesionais implicados na formación sanitaria especializada, que contribúe a que a área sanitaria coruñesa sexa un destino demandado. Os futuros especialistas elixiron o CHUAC pola calidade asistencial, o impulso da investigación biomédica e as facilidades para acceder á carreira académica a través de programas de doutoramento e outras actividades formativas.




