A Universidade da Coruña, a través do seu Campus Industrial de Ferrol, participa na 39ª edición do Abanca Pantin Classic Galicia Pro. A institución deseñou e fabricou os oito trofeos que se entregarán aos galardoados na categoría QS 6000 Internacional, un distintivo de prestixio mundial. A proba, que tivo lugar na praia de Pantín, en Valdoviño (A Coruña), reuniu a máis de 200 competidores de 23 países.
O proxecto foi desenvolvido polo profesor da Escola Universitaria de Deseño Industrial (EUDI), Pablo Fernández Galdo, e polo técnico especialista en fabricación aditiva do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI), Juan Carlos Becerra Permuy. Ambos coordinaron o deseño conceptual e o proceso de fabricación mediante impresión 3D. Creáronse catro trofeos para o terceiro posto, dous para o segundo e outros dous para o primeiro.
Baixo o lema “Cando unha onda se converte en memoria”, o deseño inspírase na esencia do campionato e no océano. A peza representa unha onda no momento de romper, evocando a súa forza e enerxía. Incorpora area da praia de Pantín, convertendo cada trofeo nunha peza vinculada ao territorio e nun recordo singular do campionato.
A fabricación realizouse con tecnoloxías de fabricación aditiva e filamento PLA, un biopolímero de orixe vexetal. Esta elección subliña o compromiso da Universidade da Coruña (UDC) coas alternativas sostibles e a redución do impacto ambiental.
A vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Ares Pernas, destacou que a colaboración co Abanca Pantin Classic Galicia Pro pon en valor a experiencia do Campus Industrial en materiais avanzados, reciclados, biopolímeros e procesos de fabricación innovadores, así como o traballo dos grupos de investigación do CITENI en economía circular e deseño de materiais sostibles.
Ademais, o Campus Industrial de Ferrol conta cun stand divulgativo onde se presenta a oferta académica da UDC na cidade e proxectos de investigación sobre protección do medio mariño, valorización de residuos, economía circular e conservación de ecosistemas costeiros. Tamén se promoven iniciativas da Oficina de Sustentabilidade da UDC en educación ambiental e mobilidade sostible.
No stand realízanse obradoiros participativos de clasificación de residuos mariños e demostracións de reciclaxe de plásticos, utilizando unha trituradora cedida pola ASPANEPS Fene e unha máquina de inxección do LabPlast (CITENI). Estas actividades mostran como os residuos poden transformarse en novos produtos mediante procesos de economía circular.
O stand está atendido polos estudantes Lucas Rodríguez Liñares e Xiana Dani Marriot Fraga (Enxeñaría en Deseño Industrial e Desenvolvemento do Produto) e Rodrigo Gómez Fachal (Enxeñaría Naval e Oceánica), quen participan grazas a unha convocatoria de especialización do campus.




