O Concello da Coruña está a ultimar os preparativos para as novas escavacións arqueolóxicas previstas na Casa da Sinagoga, un inmoble histórico situado na Cidade Vella, que xa foi obxecto de investigación nos últimos anos debido ao seu importante valor patrimonial e cultural.
A intervención, que se centrará na planta baixa do edificio, busca determinar a importancia dos materiais arqueolóxicos que se presupón existen nesta parte da casa. O inmoble foi adquirido no pasado mandato para incorporalo ao patrimonio municipal coa vista posta na súa musealización.
As obras foron adxudicadas recentemente ao equipo de Simón Pena Basso, quen se encargará de realizar a escavación na área definida no proxecto, cunha superficie de 104 metros cadrados. Os traballos incluirán a estabilización da forxa, a instalación de tubaxes provisionais para as augas pluviais do patio e a escavación arqueolóxica por niveis estratigráficos.
A alcaldesa, Inés Rey, destacou a importancia desta actuación, cofinanciada con fondos do Ministerio de Industria e Turismo, xa que "nos axudará a darlle continuidade ao plan de revitalización do conxunto patrimonial da Cidade Vella". Engadiu que permitirá "profundar na historia do inmoble e ampliar a información existente sobre a evolución no tempo do corazón histórico da cidade."
O investimento total para estes novos traballos na Casa da Sinagoga ascende a máis de 50.000 euros.




