A cidade da Coruña continúa coa programación das Rutas Mariñeiras nos mercados municipais, unha iniciativa enmarcada no proxecto "Mercados Coruñeses II" e financiada polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura. Esta estratexia busca dinamizar e poñer en valor os mercados locais e a identidade coruñesa ligada aos produtos de calidade e proximidade.
Tras o éxito das primeiras rutas en xullo, haberá dúas novas oportunidades para participar: o 27 de agosto, que conectará a lonxa da Coruña co mercado de Elviña, e o 17 de setembro, que levará aos participantes da lonxa ao mercado de Eusebio da Guarda. Estas xornadas combinan patrimonio, gastronomía e divulgación do sector pesqueiro.
Os asistentes poderán presenciar a poxa de peixe e marisco na lonxa, coñecer o funcionamento da cadea de comercialización, percorrer espazos emblemáticos da cidade vinculados á súa tradición marítima e visitar os mercados municipais para falar cos praceiros. Ademais, descubrirán o valor do produto fresco e de proximidade e participarán nunha degustación de produtos do mar.
As actividades están dirixidas a público adulto, son gratuítas e contan con prazas limitadas, polo que é necesaria inscrición previa a través dunha ligazón facilitada polo Concello. O obxectivo é achegar a cidadanía á actividade pesqueira local e fomentar o consumo de produto fresco, ademais de divulgar o patrimonio cultural e gastronómico da cidade.
O Concello aposta por ofrecer unha experiencia que permita coñecer a cidade desde a perspectiva da súa relación co mar e o traballo dos profesionais que fan posible que os produtos pesqueiros cheguen ás mesas coruñesas, promovendo tamén os principios da economía azul e a sostibilidade ambiental.




