A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, visitou a 42ª edición da feira Mostrart, celebrada nos Xardíns de Méndez Núñez na Coruña, destacando a súa importancia para a posta en valor dos produtos artesáns galegos. A cita, que se prolongará ata o vindeiro 30 de agosto, conta coa participación de 56 obradoiros inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia.
Organizada pola Asociación Galega de Artesáns en colaboración co Concello da Coruña e co apoio da Xunta de Galicia, Mostrart é un dos eventos de comercialización directa máis consolidados da comunidade. A feira ofrece postos de venda, actividades divulgativas e visitas guiadas para achegar os oficios artesanais á cidadanía.
A feira está aberta en horario de 11,00 a 14,00 h. e de 17,30 a 22,00 h. Participan un total de 68 expositores, incluíndo obradoiros de coiro, téxtil, xoiería, cerámica, madeira, vidro, entre outros oficios.
Ademais da venda, Mostrart inclúe obradoiros gratuítos de iniciación a diferentes oficios artesanais, que se desenvolverán de luns a xoves durante agosto. Tamén se ofrecen visitas guiadas gratuítas todos os venres do mes, previa inscrición.
A Fundación Artesanía de Galicia colabora habitualmente coa Asociación Galega de Artesáns no calendario de Feiras Galegas de Artesáns, que busca achegar o produto artesán a diferentes localidades, consolidar a marca Artesanía de Galicia e dinamizar a economía e o turismo territorial.
Estas feiras, dirixidas a obradoiros rexistrados, xa se celebraron en diversas localidades como Ferrol, Padrón ou Ribadavia, e continuarán en Ponteareas e Lugo.




