A Xunta de Goberno Local da Coruña aprobará este mércores a adquisición dunha parcela no futuro barrio de San Pedro de Visma. A operación, cun custo de 317.733 euros, destinarase á construción dunha nova superficie comercial da cadea alemá Lidl.
A parcela adquirida, que ten unha superficie de 6.943 metros cadrados e cualificación de uso terciario, permitirá a implantación do terceiro establecemento de Lidl na cidade. A empresa xa conta con supermercados operativos nas zonas de Xuxán e A Grela.
O Concello defende que a construción desta infraestrutura "garante que o seu desenvolvemento urbanístico se producirá a curto prazo, o que axuda a lograr unha mellor xestión urbanística na zona, proporcionando a presenza de superficie co uso terciario, que resulta tan necesaria neste momento e nesa zona".
Ademais, o novo supermercado contará cunha zona de aparcamento subterráneo e a súa localización estratéxica preto da rotonda do Pavo Real facilitará o acceso aos consumidores.




