O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, destacou hoxe no Parlamento de Galicia o éxito da Liña Conecta, posta en marcha pola Xunta en xaneiro de 2025. A previsión de demanda situábase en 40.000 persoas, pero o primeiro ano de funcionamento pechouse con 80.000 usuarios, o dobre do esperado.
Calvo sinalou que os datos demostran a mellora substancial que supón esta liña para a mobilidade entre ambas as cidades, xa que ofrece máis servizos, máis conexións directas, máis autobuses e con máis prazas. En días laborables, suman 19 buses por sentido (16 da Liña Conecta), o que representa 2.100 prazas diarias. Na fin de semana, hai oito autobuses (seis da Liña Conecta), sumando 940 prazas cada xornada. Ademais, o 80% dos servizos realízanse con autobuses de 54 ou máis prazas, o que garante a cobertura da demanda existente.
Ante as datas puntuais nas que se completou a capacidade, o conselleiro informou da activación de reforzos. Tamén incidiu no traballo de planificación e seguimento para axustar horarios e percorridos ás necesidades cambiantes dos usuarios.
O conselleiro referiuse ao Plan de transporte público de Galicia como un plan vivo, con marxe e capacidade de adaptación ás necesidades cidadás, a pesar das limitacións técnicas e orzamentarias. Aclarou que, en momentos puntuais, pode non ser posible atender toda a demanda, como ocorre noutros transportes públicos cando completan a súa capacidade.




