A competición feminina de fútbol, na que participa o Deportivo Abanca por terceira campaña consecutiva, terá unha cobertura televisiva máis ampla nas próximas tres tempadas. Tras un proceso de negociación, a liga alcanzou acordos con DAZN, que emitirá toda a competición en pechado, e con TVE e TV3, que ofrecerán catro partidos cada fin de semana en aberto.
Esta estratexia busca "potenciar a máxima visibilidade e o crecemento das audiencias", segundo explica a propia liga nun comunicado. A pasada tempada, a audiencia acumulada alcanzou os 7,5 millóns de espectadores, cun incremento do 11,2% respecto á anterior.
A Liga F tamén iniciou unha nova etapa financeira coa entrada de Pau Gasol a través de Gasol16 Ventures e Fortified Partners, que lideran un investimento de 55 millóns de euros destinado a impulsar o crecemento, a profesionalización e a expansión internacional da competición.
Ademais, os equipos da competición están a estudar a adhesión a un préstamo de arredor de 40 millóns de euros. O responsable da área no Deportivo, Kevin Cabado, sinalou recentemente que o club "practicamente seguro se adherirá a esa inversión".




