O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e a directora de Cáritas Diocesana de Santiago, Pilar Farjas Abadía, asinaron hoxe o convenio de colaboración. A actuación conta cun orzamento total de 162.468,99 euros, do que a Deputación financiará o 80%. O obxectivo é mellorar as condicións das instalacións nas que se desenvolven cursos e servizos de orientación laboral para persoas en situación ou risco de exclusión social.
As obras centrarase na substitución das actuais ventás, que presentan deterioro e problemas de peche e filtracións, por novas carpintarías de aluminio con rotura de ponte térmica. Tamén se mellorarán os sistemas de apertura, se renovarán elementos de evacuación de auga e se acondicionarán as reixas de seguridade da planta baixa. Estas melloras buscan optimizar o illamento térmico e acústico, reducir a demanda de calefacción e proporcionar un maior confort para o alumnado, persoal e voluntariado.
O Centro Violetas, que atende persoas da Coruña e doutros concellos da provincia como Oleiros, Cambre, Culleredo, Arteixo, Sada e A Laracha, combina formación para o emprego con orientación laboral e acompañamento personalizado. Desde a súa creación en 1993, atendeu preto de 20.000 persoas e desenvolveu máis de 500 accións formativas. Entre 2019 e 2024, participaron nos seus cursos 1.272 persoas.
A oferta formativa do centro adáptase ás necesidades empresariais da comarca e inclúe ámbitos como a atención sociosanitaria, hostalaría, limpeza, loxística, comercio e competencias dixitais. Ademais da formación, dispón dunha axencia de colocación, promove prácticas en empresas e ofrece obradoiros para a preparación de currículos e entrevistas. A Deputación xa colabora con Cáritas noutras actuacións a través de subvencións a entidades sociais.




