A sede da Deputación da Coruña acolleu a presentación do libro "Fran Pérez, Narf. Canto sentido", unha obra editada pola aCentral Folque co apoio da área de Cultura da administración provincial. O volume nace para recuperar a memoria, o legado e a dimensión humana e artística dun dos creadores máis singulares da cultura galega contemporánea, cando se cumpren dez anos do seu pasamento.
A deputada de Cultura, Natividade González, destacou a importancia de manter viva a memoria dos grandes creadores galegos, sinalando que "un país se constrúe tamén coas vidas e coas achegas das persoas que abriron camiños, que crearon, que experimentaron e que contribuíron a facer máis rica a nosa identidade cultural". Engadiu que libros coma este son "tan necesarios, porque nos permiten recuperar historias, poñer as palabras e lembranzas e, sobre todo, facer que ese legado chegue tamén ás persoas que non tiveron a oportunidade de coñecer a Fran".
Ramón Pinheiro, director artístico d'aCentral Folque, amosouse satisfeito polo resultado dun traballo extenso e complexo, cualificándoo como "un anaco de historia contemporánea de Galiza e, particularmente, da historia das artes e da cultura galega". Agradeceu o apoio da Deputación e o labor de todos os implicados na edición dun libro que recolle a inmensa obra de Fran Pérez en música, teatro e audiovisual, con presenza internacional.
Xelís de Toro, escritor e amigo persoal do artista, impulsor do proxecto, explicou que a publicación é un traballo colectivo que busca presentar unha visión ampla da figura de Narf, deixando "portas abertas para que o traballo de Fran se siga estudando e desenvolvendo no futuro".
"Fran Pérez, Narf. Canto sentido" non é unha biografía convencional, senón un retrato coral. Inclúe as súas letras, máis dun centenar de fotografías, partituras e documentos inéditos, como o diario da súa irmá María Pérez. Compleméntase cunha antoloxía sonora de gravacións e "bonus tracks" accesibles mediante código QR.
O libro terá unha xira de presentacións en Galicia e Portugal, con encontros co público en locais como Santiago, Bertamiráns, A Coruña, Boiro, Carballo, Tondela e Lugo.




