A alcaldesa, Inés Rey, presidiu esta mañá o pleno de toma de posesión de Jesús Javier Celemín Santos, quen se suma ao executivo local para liderar a concellaría de Infraestruturas.
Este nomeamento marca o regreso de Celemín ao goberno da cidade. Durante o pasado mandato, xa estivo á fronte de diversas áreas clave como Educación, Cultura, Memoria Histórica, Innovación, Industria e Emprego.
Coa chegada de Celemín á área de Infraestruturas, o Goberno local tamén aproveitará para reaxustar competencias. A área de Mobilidade, que anteriormente estaba ligada a Infraestruturas, pasará a depender da concellaría de Seguridade Cidadá e Interior, dirixida por Montse Paz.
A rexedora Inés Rey deu a benvida ao edil na súa volta á Corporación municipal, destacando a súa dedicación á cidade. "Celemín é sinónimo de implicación, capacidade de traballo e diálogo. E chega coa vontade de seguir axudándonos a que A Coruña avance nun momento crucial para o seu desenvolvemento e transformación", afirmou a alcaldesa.




