A carreira, que forma parte do circuíto Coruña Corre, entrará na súa recta final coa celebración desta proba no Ventorrillo. A tempada concluirá en novembro no barrio de Novo Mesoiro.
O prazo de inscricións para a carreira xa está aberto e permanecerá habilitado ata o día 18 de outubro. O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, convidou á cidadanía a participar nesta xornada deportiva ao aire libre, destacando o traballo do Goberno de Inés Rey por ofrecer actividades de ocio e deporte saudable.
A proba absoluta terá unha distancia de 5.850 metros e comezará ás 10.00 horas no cruzamento entre as rúas Alcalde Salorio Suárez e Alcalde Jaime Hervada. O trazado combinará tramos de asfalto e pistas de terra polo Ventorrillo e a contorna da Silva.
Ademais da carreira absoluta, celebraranse probas en categorías inferiores, desde sub-18 ata peques, con saídas graduais entre as 11.15 e as 12.30 horas e percorridos adaptados ás idades dos participantes.
Toda a información sobre a carreira popular do Ventorrillo, incluíndo os horarios de recollida de dorsais, duchas, gardarroupa e avituallamento, está dispoñible na páxina web de Coruña Corre.




