A decisión de mover o evento prodúcese despois de que o Concello da Coruña denegase o uso do estadio, alegando un posible conflito de datas co 'play off' de ascenso do Deportivo á Primeira División. A promotora do concerto viuse na obriga de buscar unha nova localización fóra da cidade herculina, xa que non atopou alternativas con capacidade para os 24.000 asistentes previstos.
“"En nome do artista e a organización queremos pedir desculpas polas molestias ocasionadas polos cambios acaecidos no citado concerto, e agradecer de antemán a paciencia e comprensión ante esta situación."
A organización do concerto, a través dun comunicado, expresou que o cambio de emprazamento se debe a “motivos externos” á súa xestión. As novas entradas para o concerto en Santiago sairán á venda o 29 de abril ás 11:00 horas, cun prezo único de 80 euros máis gastos de xestión, dispoñibles exclusivamente a través de Ticketmaster.
Para os que xa adquiriran entradas para Riazor, a promotora ofrece varias opcións. Os posuidores de entradas de pista e mobilidade reducida poderán acceder ao novo recinto sen xestións adicionais. Aqueles con entrada de pista que non desexen asistir ao concerto en Santiago poderán solicitar o reembolso nun prazo de 30 días, desde o 23 de abril ata o 23 de maio. Para os que tiñan entradas de bancada, procederase á devolución automática e habilitarase unha preventa prioritaria exclusiva para que poidan adquirir novas localidades para Santiago durante 48 horas, desde o luns 27 de abril ás 11:00 horas ata o mércores 29 de abril ás 10:59 horas, antes da venda xeral.
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, manifestou que a promotora coñecía que a celebración do concerto estaba supeditada ao calendario deportivo do club. A pesar de que o anuncio inicial do concerto se fixo en maio de 2025, cando non se coñecían as datas exactas do 'play off', o Concello defende que o acordo co Deportivo establece a prioridade do club no uso do estadio para actividades deportivas.




