Os socialistas xa denunciaran previamente problemas coa nova adxudicataria, sinalando que o cambio de traballadores estaba a xerar descontento entre moitas familias usuarias do servizo.
O voceiro socialista, Diego Alcantarilla, cualificou os feitos de "gravísimos" e confirmou as queixas de familias e traballadoras sobre o funcionamento deficiente do SAF, subliñando que o goberno local tiña coñecemento desta situación.
Dende o PSOE consideran "inadmisible" o "absoluto colapso organizativo" que, segundo afirman, afecta directamente a persoas vulnerables e dependentes. "Cando unha empresa recoñece publicamente que non pode cubrir o servizo, o Concello non pode mirar cara outro lado. Ten a obriga de actuar, fiscalizar o contrato e defender o interese público", declarou Alcantarilla.
O partido socialista tamén recordou as súas advertencias previas sobre "graves problemas estruturais" no departamento de Servizos Sociais, onde a falta de persoal e a non cobertura de baixas e vacantes repercuten na atención aos veciños e na resolución de expedientes.
Alcantarilla criticou que o Executivo municipal tente "escudarse" nos funcionarios, afirmando que a responsabilidade de dotar os servizos de medios e persoal recae no goberno local.
O grupo esixirá acceso a todos os informes técnicos sobre incidencias, cobertura de persoal e cumprimento contractual da empresa, ademais de demandar "responsabilidades políticas por unha xestión que deixou desprotexidas a moitas familias de Cambre" e un plan urxente de continxencia para garantir a cobertura asistencial semanal.




