As Festas de María Pita 2026 continúan este luns 10 de agosto cunha proposta familiar de gran formato. O espectáculo 'O Libro da Selva. O musical', producido por Ártika Teatro, presentará unha reinterpretación contemporánea do clásico de Rudyard Kipling que combina teatro, música en directo, coreografías e unha posta en escena visual.
A montaxe ofrece unha lectura actualizada da historia de Mowgli, ambientada nunha selva simbólica inspirada na propia cidade e adaptada a códigos culturais actuais. Aborda temas como a diversidade, a convivencia, a cooperación, a identidade e a sustentabilidade ambiental, sen perder a esencia da obra orixinal.
O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, destacou a importancia de incluír espectáculos familiares de gran formato. "Desde o Goberno de Inés Rey queremos que as Festas de María Pita sexan unha celebración para todas as idades. 'O Libro da Selva' é un exemplo de como é posible combinar entretemento, calidade artística e transmisión de valores nun espectáculo pensado para en familia", sinalou.
A obra narra a historia de Mowgli, unha nena criada por lobos que busca o seu lugar na comunidade. No seu camiño atópase con personaxes como Baloo, Bagheera, Kaa ou Shere Khan, que simbolizan distintas visións do mundo e a acompañan na súa aprendizaxe sobre a convivencia e a cooperación.
A produción destaca pola súa estética, onde os animais transfórmanse en tribos urbanas: os lobos inspíranse na cultura punk, os monos no hip-hop, Kaa incorpora influencias flamencas e Shere Khan asóciase a unha imaxe de poder contemporánea. A montaxe tamén aposta por música orixinal e unha escenografía que mestura elementos naturais e urbanos, con estruturas metálicas, grafismos luminosos e coreografías dinámicas para unha experiencia inmersiva.
A produción está dirixida por Marcos Alonso e conta cun elenco de intérpretes especializados en teatro musical e familiar: Rocío Salgado, Yoel Alonso, Fernanda Barrio, Marcos Alonso e Irene Lorenzo.




