A exposición, promovida polo Concello da Coruña coa colaboración da asociación veciñal O Barrio da Zoca - Os Mariñeiros, familias e persoas vinculadas ao barrio, baséase nunha recompilación de fotografías e materiais achegados pola propia veciñanza. O traballo previo de selección de contidos e construción do relato foi realizado tamén pola comunidade.
A alcaldesa, Inés Rey, destacou que "a historia da Coruña tamén se constrúe desde os seus barrios e desde a memoria das persoas que lles deron vida. Esta exposición permítenos recoñecer e transmitir o legado dunha comunidade estreitamente vinculada ao mar, ao traballo e á solidariedade veciñal".
O percorrido da mostra reconstrúe as orixes do barrio, nacido na década de 1950 para acoller familias mariñeiras. Lémbrase a construción das 130 vivendas e a inauguración oficial do conxunto en setembro de 1957, así como a vida na praza porticada, a escola, os comercios e os espazos comúns que foron testemuña dunha intensa convivencia e apoio mutuo.
Os paneis, fotografías, documentos e obxectos expostos tamén subliñan o papel das mulleres, que traballaban como pescadoras, redeiras ou vendedoras de peixe, sostendo parte da economía familiar e da vida comunitaria. O relato inclúe referencias aos oficios do mar, naufraxios, a infancia, as festas do Carme e a organización veciñal.
A concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade, Nereida Canosa, sinalou que "esta exposición é un exemplo de como a participación cidadá contribúe a conservar e transmitir a historia dos barrios, facendo protagonistas as persoas que os construíron e que mantiveron viva a súa identidade ao longo das décadas".
A exposición estará aberta ao público no vestíbulo do Centro Ágora dende o 17 de xullo ata o 9 de agosto.




