O municipio de Culleredo prepárase para un verán de fútbol coa volta dos seus torneos municipais. As competicións darán comezo o vindeiro domingo 9 de agosto e estenderanse ata o mércores 2 de setembro, cubrindo catro categorías distintas: afeccionados, veteranos, fútbol base e fútbol feminino.
O primeiro en arrancar será o XLVII Trofeo de Fútbol Afeccionado, que reunirá a sete equipos divididos en dous grupos. A fase regular terá lugar entre o 9 e o 29 de agosto, con partidos disputados en varios campos do municipio. A gran final deste trofeo celebrarase o sábado 29 de agosto no Municipal de Rutis.
Paralelamente, desenvolverase o XXVII Trofeo de Fútbol Veterano, no que participarán oito conxuntos. Os seus encontros prolongaranse ata o mércores 2 de setembro, día no que se disputará a final que pechará estas semanas de competición.
Pola súa banda, o XII Trofeo de Fútbol Base celebrará a súa fase de grupos o sábado 22 de agosto, mentres que as súas finais terán lugar o día 29 no Municipal de Rutis, con sete equipos competindo. Finalmente, o VIII Trofeo de Fútbol Feminino está programado para o domingo 30 de agosto, cun formato triangular no que se enfrontarán o Sporting Burgo, o Club Femenino Celas e a AD Culleredo.
Nestas distintas categorías tamén contarán coa participación de clubs como a UDJ Almeiras, o Olímpico de Rutis, o Portazgo SD, o Fontemaior ou o SPM Veteranos.




