A actuación forma parte da planificación de mantemento e mellora das pasarelas na cidade. O servizo iniciou o proceso de colocación da nova estrutura despois de ter completado a retirada da antiga pasarela. A reposición completa da estrutura principal, así como das varandas, ten como obxectivo garantir un corredor accesible para todas as persoas usuarias.
Para a colocación da nova pasarela, será necesario cortar a rolda de Nelle en horario nocturno, entre as 21.00 e as 7.00 horas, ata este xoves (incluído). Durante o horario de corte, haberá un desvío de tráfico cara a avenida Mallos en dirección baixada e cara Fernando Rey para os que van en dirección subida. En horario diurno manterase un único carril de circulación por sentido para minimizar as afeccións ao tráfico.
O Concello completou recentemente a remodelación da pasarela entre estacións, unha infraestrutura pola que pasan milleiros de persoas a diario e que permite salvar a avenida de Alfonso Molina nun punto estratéxico para os desprazamentos a pé entre Catro Camiños e Os Mallos. Ademais, o investimento no contrato de mantemento de pasarelas, aprobado este ano, é de máis de 700.000 euros para os próximos dous anos.




