Este ano cúmprese medio século do naufraxio do petroleiro Urquiola, un suceso que marcou un antes e un despois na conciencia ambiental de Galicia. O buque, de 275 metros de eslora, dirixíase á refinería de Petrolíber cargado con 110.000 toneladas de cru cando tocou fondo nunha zona mal cartografada coñecida como os “Bajos yacentes”.
O incidente, ocorrido á entrada do porto da Coruña, provocou varias explosións, un incendio e a posterior rotura e afundimento do buque. A maior parte da carga de cru ardeu ou se verteu ao mar, estendendo unha densa marea negra polas rías da Coruña, Ares, Betanzos e Ferrol.
“"Cando o barco estaba practicamente parado apreciouse que empezaba a escorarse, e cando se atopaba cunha inclinación de dez ou quince graos, o capitán deu as ordes oportunas: alertouse á tripulación do perigo e ordenóuselle que abandonase o buque."
Os 37 tripulantes do Urquiola foron evacuados, pero o capitán do buque non sobreviviu ao desastre. O seu corpo foi rescatado dous días despois. A marea negra non só causou perdas millonarias no sector marisqueiro, senón que tamén tivo un impacto ambiental devastador, con fume que chegou ata Santiago de Compostela e obrigou a suspender voos no aeroporto de Lavacolla.
As aseguradoras tiveron que facer fronte a indemnizacións que ascenderon a 2.421 millóns de pesetas (uns 120 millóns de euros actuais). Posteriormente, o Tribunal Supremo ditaminou que o naufraxio se debeu a un funcionamento anómalo do servizo público de Cartografía de Mariña, condenando ao Estado ao pago das millonarias compensacións.




