Esta expansión, que se reforza cun convenio de colaboración con Voluntariado de Cambre, permitirá ampliar o alcance do servizo aos concellos de Cambre, Culleredo e Betanzos. A iniciativa busca adaptarse ás particularidades do rural, onde o illamento adoita ser máis pronunciado, segundo explicou Marta Espasandín, técnica de 'AcompáñoTE'.
Como novidade, impulsáronse encontros veciñais en Betanzos, que se celebran os mércores na parroquia. O obxectivo principal é fomentar a creación de lazos entre os veciños e fortalecer a comunidade, proporcionando un espazo onde as persoas poidan sentirse acompañadas. Espasandín subliñou que “simplemente charlar un ratiño, xogar unhas cartas, uns xogos de mesa e bo, iso xa a verdade pois xa anima a semana a calquera”, especialmente a aqueles que experimentan máis soidade.
“"Eu estou encantadísima, pasoume a tensión, pasoume todo o que tiña. Son o mellor que hai, o mellor que hai, cariñosas."
Ademais destas novas actividades, o programa mantén os seus servizos habituais, que inclúen visitas a domicilio, acompañamento a citas médicas e asistencia en xestións administrativas. A necesidade deste tipo de apoio personalizado é maior no rural, onde os recursos son máis limitados e a poboación está máis envellecida, tal e como indicou Espasandín.
O modelo de atención de 'AcompáñoTE' xa demostrou a súa eficacia na cidade da Coruña, onde se iniciou en 2017. Desde entón, atendeu de forma estable a 970 persoas maiores, das cales 400 reciben atención continuada na actualidade. Hai un ano, o programa estendeuse a Culleredo, onde xa acompañou a 29 persoas.
O novo convenio foi asinado por Dolores Rivas Lombardero, directora de Cáritas Interparroquial de A Coruña, e María Aneiros Rico, presidenta de Voluntariado Cambre. Ambas as dúas coincidiron en que este acordo mellorará a calidade de vida dos maiores, facilitándolles as ferramentas necesarias para “permanecer nas súas casas o maior tempo posible, mantendo unha boa calidade de vida”.




