A medida, que entrará en vigor o xoves 4 de xuño e se estenderá ata o 11 de xullo de 2026, busca facilitar a circulación dos autobuses que prestarán servizo alternativo ao ferrocarril mentres Adif executa obras na estación da Coruña.
Esta decisión responde á comunicación de Renfe sobre modificacións temporais nos servizos ferroviarios con orixe ou destino na Coruña. Como resultado, parte dos desprazamentos dos viaxeiros realizaranse por estrada mediante autobuses habilitados pola compañía.
Nas liñas que conectan a Coruña con Ferrol e Lugo, os viaxeiros deberán desprazarse en autobús entre a cidade herculina e Betanzos-Infesta. Isto converte a estación de Infesta-O Norte nun punto de intercambio entre os servizos ferroviarios e o transporte por estrada, segundo detallou o goberno local.
Para garantir a correcta prestación do servizo, a seguridade dos usuarios e a fluidez nas manobras de entrada e saída dos autobuses á propia estación, será necesario manter libre de coches o ramal de acceso dende a AC-542.
O Concello de Betanzos solicitou a colaboración da veciñanza e dos usuarios da estación para respectar a sinalización provisional e facilitar o desenvolvemento deste dispositivo, que busca manter a mobilidade ferroviaria durante as obras.




