A iniciativa, promovida pola asociación cultural Catro Gatos en colaboración co Concello de Bergondo e o apoio da Deputación, busca fusionar o patrimonio arquitectónico coas artes escénicas e dinamizar espazos singulares.
A programación arrincará o xoves 3 de setembro coa compañía Galeatro e o seu espectáculo familiar 'Muiñada'. O venres 4, o grupo teatral da propia asociación Catro Gatos presentará a obra 'Encrobas', nunha xornada dedicada ao teatro amador.
A clausura da mostra terá lugar o sábado 5 coa montaxe 'Absurdia' de Dani Blanco Cía, dirixida ao público adulto. Todas as representacións comezarán ás 21.00 horas.
A entrada para os tres espectáculos é gratuíta e libre, cunha capacidade limitada a 150 localidades no claustro de San Salvador.




