A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, mantivo unha reunión de traballo con Salvador Peña, ministro e presidente da Venerable Orde Terceira de San Francisco e responsable do templo, para facer seguimento das actuacións no conxunto histórico da Cidade Vella coruñesa.
Durante o encontro, Salvador Peña informou sobre as necesidades para executar o 30% restante dos traballos de rehabilitación da capela e dos edificios anexos, así como as principais necesidades de conservación do inmoble. A actuación céntrase na renovación das cubertas e na corrección de patoloxías pola entrada de auga e o deterioro dalgúns elementos construtivos.
O representante explicou os traballos na estrutura de madeira e os realizados na sancristía e almacén. Belén do Campo tamén coñeceu outras actuacións de conservación e funcionalidade, como a preinstalación eléctrica, a substitución de ventás e a reparación de acabados interiores.
A Venerable Orde Terceira de San Francisco forma parte do ámbito da Cidade Vella e Pescadería da Coruña, polo que a súa conservación arquitectónica foi un dos temas abordados.
Ademais, Salvador Peña, como presidente da Xunta de Confrarías da Semana Santa, informou da súa colaboración na procesión do Día do Rosario, que terá lugar mañá, martes 7 de outubro. Belén do Campo agradeceu a súa implicación e trasladoulle o apoio da Xunta para os próximos actos da Semana Santa, que en 2027 coincidirán co Ano Santo Xacobeo.




