O presidente do Consorcio As Mariñas, José Antonio Santiso, anunciou a solicitude dunha "reunión urxente" coa alcaldesa de A Coruña, Inés Rey, despois de que a cidade herculina promovese unha xuntanza sobre a área metropolitana sen convocar á maioría dos municipios da entidade.
A entidade alerta do "profundo malestar" xerado entre varios alcaldes e alcaldesas ao ser "excluídos de maneira incomprensible" do devandito encontro. Santiso respecta a liberdade do Concello de A Coruña para organizar reunións, pero considera inxustificable deixar "a un lado" aos municipios coa que mantén unha longa relación de cooperación en servizos importantes.
O presidente do Consorcio sinalou que, aínda que unha xuntanza cos concellos da primeira coroa sería lóxica para tratar temas específicos como a depuradora de Bens ou o transporte urbano, o obxectivo declarado polo Concello de A Coruña foi máis aló, abordando a constitución da área, a gobernabilidade, os servizos e infraestruturas supramunicipais, e incluso a creación dun grupo de traballo.
O Consorcio lembra a súa "actitude intachable de colaboración" coa actual alcaldesa e as súas predecesoras, destacando a asistencia regular dos 8 alcaldes e alcaldesas ás convocatorias municipais e o traballo conxunto en proxectos para buscar unha cooperación real e efectiva entre a cidade e a súa comarca.
Santiso considera que actuar "de xeito unilateral e excluyente" dinamita as relacións institucionais en lugar de tender pontes. Subliña que a condición imprescindible para reconducir a situación é que a cidade conte con "absolutamente todos os municipios do Consorcio", xa que "unha área metropolitana só pode funcionar se nace dende o acordo e dende a equidade".
A entidade tamén mostra o seu apoio a Culleredo, que, a pesar de ser invitado, considerou que unha reunión sobre o futuro da área non podía celebrarse excluindo a unha parte significativa dos municipios metropolitanos.




