O proxecto busca non só a inclusión de novos elementos e equipamentos, senón tamén fomentar a creación dunha contorna de lecer e xogo que permita o desenvolvemento das habilidades motrices, sensoriais, sociais, emocionais e creativas dos nenos e nenas. Esta iniciativa forma parte dun plan de mellora e expansión das áreas infantís que o Goberno municipal está a levar a cabo con investimentos públicos.
O concelleiro de Infraestruturas, Jesús Celemín, destacou que se está a desenvolver un plan ambicioso para ampliar e reforzar a rede de espazos públicos de lecer infantil na cidade, garantindo unha oferta de xogo ampla, moderna, adaptada, accesible e segura. Subliñou o incremento do investimento público e a revisión constante das áreas existentes para detectar melloras.
O deseño do proxecto tivo en conta a conservación de elementos lindeiros, como os exemplares de Magnolia grandiflora, que achegan zonas verdes e de sombra beneficiosas para o parque, especialmente na tempada estival.
Os obxectivos principais da intervención inclúen aumentar a superficie útil da zona de xogos, incrementar o número de usuarios, xerar unha contorna atractiva, recuperar e adecuar o mobiliario existente segundo o novo deseño, e mellorar o axardinamento e os pavimentos para integrar a proposta na praza. En definitiva, crear unha nova área de xogos ampliada en dimensións e equipamentos.
Algúns elementos de xogo en bo estado de conservación e de interese lúdico manteranse dentro do novo deseño, complementados por novos xogos.
Entre as actuacións previstas figuran a instalación dunha estrutura de trepar combinada con tobogán, outras estruturas de obstáculos e xogo, unha estrutura de escalada e equilibrio, randeeiras de táboa e de péndulo, un carrusel inclusivo, un bambán, unha estrutura multixogo con redes e tobogán, un resorte de xogo e un muro interactivo e inclusivo.
O firme amortecedor renovarase completamente con unha nova capa de caucho continuo. O mobiliario existente na marxe recolocarase para ampliar a zona, preservando a integración do conxunto. Ademais, acondicionarase a zona axardinada afectada e repoñeranse as áreas de pavimento.
O Concello da Coruña está a completar ou ten en marcha a renovación, ampliación ou creación de numerosas áreas infantís e de esparcemento, como o parque do Ventorrillo, que contará con cubertas, ou o novo parque da praza de Portugal, cun investimento de máis de 1,3 millóns de euros. Tamén se actuou no parque do CEIP Concepción Arenal e está en proxecto o parque Adolfo Suárez.




