A proposta, que será elevada ao pleno tras a súa aprobación pola Comisión de Honras e Distincións, busca honrar a Os Diplomáticos de Monte Alto, unha banda vinculada ao barrio coruñés de Monte Alto. O informe municipal destaca a súa contribución á modernización da música galega, á normalización do uso da lingua e á proxección dunha identidade cultural contemporánea.
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, subliñou que o cambio de nome forma parte da actualización do rueiro municipal para incorporar referentes que representen os principios democráticos e a diversidade cultural da cidade. "As rúas da nosa cidade tamén transmiten valores e memoria colectiva", afirmou.
Rey salientou que Os Diplomáticos de Monte Alto representan "o talento, a creatividade e o compromiso coa lingua e coa cultura galega", e que a súa pegada forma parte da memoria cultural de varias xeracións de coruñeses e coruñesas.
Fundada na Coruña a finais dos anos 80 arredor de Xurxo Souto, a banda foi expoñente do movemento bravú, mesturando rock, ska, folk e ritmos populares cunha defensa da lingua e identidade galega. Discos como 'Arroutada pangalaica' ou 'Parrús' marcaron unha xeración e abriron camiños para a música en galego.




