O ámbito literario será protagonista coa presentación do libro Sobre el imperio de la ley, do avogado e ensaísta Javier Cremades, ás seis da tarde no auditorio de Afundación. Ao acto asistirán figuras relevantes do mundo académico, xudicial e político, e contará coa clausura do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda.
Pola súa banda, o xornalista e escritor Manuel Jabois presentará a súa nova novela, La víspera, ás sete da tarde na librería Moito Conto, acompañado por Uxío Novoneyra.
A música tamén terá o seu espazo. Ás oito da noite, a Sala de Cultura do Sporting Club Casino acollerá o concerto dos grupos “The Leonard´s” e “Miko y Guitarrinas” como parte do Ciclo “Voces Meigas”. A entrada será libre ata completar aforo.
O Jazz Filloa ofrecerá a súa cita semanal coa música a partir das nove e media da noite, con actuacións de Pablo Seoane e Virxilio da Silva. As entradas custan dez euros.
Ademais, o Garufa Club presenta ás nove da noite a proposta de ‘Comeback Impro-Teatro’.
Dende hoxe xa se poden adquirir as entradas para a Temporada Lírica 2026 da Asociación de Amigos da Ópera da Coruña, con prezos que varían entre os 40 e 110 euros.
No eido de actividades máis sociais, a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda organiza un obradoiro lugrisiano ás sete e media da tarde para preparar a manifestación “A Coruña pola beleza”, centrada na defensa dos murais de Urbano Lugrís. A participación é gratuíta.
A Real Academia Galega de Ciencias impartirá unha charla sobre o impacto da nanotecnoloxía, de cinco a oito e media no Kiosco Alfonso, que tamén se poderá seguir por YouTube.
Na comarca, o Concello de Arteixo organiza un encontro sobre especies invasoras na costa, dentro do proxecto ‘Mar de Sorrizo’. En Oleiros, o Centro Municipal de Formación ofrecerá un curso sobre seguridade dixital e intelixencia artificial. Pola súa banda, o Concello de Laxe invita a coñecer o Castro de Castrelo cunha charla no Museo do Mar.




