A Universidade da Coruña (UDC) levará a cabo durante os próximos tres anos o proxecto “INTERLYNX: Estudo paleomolecular da interacción interespecífica de poboacións de lince antigo na conca do Mediterráneo occidental”. Esta investigación, que conta cun financiamento da Axencia Estatal de Investigación (AIE) dentro da convocatoria de Proxectos de Xeración de Coñecemento 2025, centrarase na análise de ADN e proteínas antigas de tres especies de lince que habitaron o suroeste de Europa.
O equipo investigador está liderado por Gloria González Fortes, investigadora sénior do programa Beatriz Galindo do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, xunto con Aurora Grandal d'Anglade, profesora titular de Paleontoloxía da UDC, e Fernanda Rodríguez Fariña, responsable do Servizo de Bioloxía Molecular da UDC. O proxecto tamén contará coa colaboración de institucións internacionais como as universidades de Copenhague e Toulouse, e o Centro de Investigación Leibniz-IZW de Berlín.
A investigación analizará o lince ibérico (Lynx pardinus), o lince boreal (Lynx lynx) e o lince das cavernas (Lynx spelaeus), que coexistiron na Península Ibérica. O obxectivo é reconstruír as súas relacións evolutivas e os procesos de hibridación que se produciron no pasado, cando aínda se descoñecen detalles sobre estes intercambios xenéticos.
Mediante técnicas de xenómica antiga aplicadas a restos fósiles do suroeste europeo, o equipo comparará os xenomas para establecer as relacións evolutivas e os procesos de hibridación. Ademais, a análise de isótopos estables permitirá reconstruír as condicións ambientais e a adaptación destes animais aos cambios climáticos e ecolóxicos.
Os resultados achegarán coñecemento sobre a evolución destes grandes felinos e poderán ofrecer información relevante para a conservación do lince ibérico en España e do lince boreal no norte e sueste de Europa. Esta liña de investigación sobre grandes felinos antigos é pioneira na UDC desde 2023.




