A iniciativa, que saíu adiante cos 17 votos favorables dos grupos propoñentes fronte aos 14 en contra do Partido Popular, insta a Administración autonómica a establecer un modelo de reparto baseado en criterios técnicos e obxectivos. Proponse que como mínimo o 50% da recadación obtida en cada concello se invista no propio municipio, un 30% se destine a un fondo de solidariedade territorial para concellos con maiores necesidades ou dispersión poboacional, e que se reserve como máximo un 20% para os custos de xestión e mantemento do sistema autonómico.
A moción tamén reclama que a Xunta publique anualmente un informe detallado por concellos coa recadación obtida e os investimentos executados, así como unha planificación plurianual para que as administracións locais coñezan con antelación as actuacións previstas. O canon da auga ten carácter finalista e está destinado ao financiamento de actuacións vinculadas ao abastecemento, saneamento, depuración e protección dos recursos hídricos.
Durante o debate, o portavoz socialista, Bernardo Fernández, denunciou o "escapismo tributario" e "escurantismo inversor" de Augas de Galicia, criticando a falta de criterios públicos para coñecer o retorno dos fondos. Puxo como exemplo concellos como Oleiros, que recadou máis de 9 millóns de euros en doce anos sen investimentos equivalentes; Boiro, con 3 millóns en oito anos; e As Pontes, con 2,3 millóns, que non recibiron investimentos nos últimos anos por parte de Augas de Galicia.
A portavoz do BNG, Avia Veira, incidiu en que os concellos manteñen a relación directa coa cidadanía na recadación destes tributos e defendeu a moción en tres piares: transparencia, planificación e xustiza territorial. Pola súa banda, o portavoz de Alternativa dos Veciños, Ángel García Seoane, reclamou que os recursos se reinistan na mellora das infraestruturas, referíndose á situación de concellos como Oleiros, Sada, Cambre e Bergondo.
Desde o Partido Popular, José Manuel Caamaño rexeitou os argumentos da moción, cualificándoos de "narrativa artificiosa", e defendeu o carácter solidario do sistema fronte a un modelo de retorno directo, afirmando que a Xunta investiu 144 millóns de euros fronte a 60 millóns recadados e que a distribución dos recursos responde a criterios técnicos.
Ademais, o pleno provincial aprobou por unanimidade dúas declaracións institucionais. A primeira apoia ás familias beneficiarias da prestación por coidado de menores afectados por cancro ou outra enfermidade grave (CUME) e insta o Goberno de España a modificar a lexislación para permitir a prórroga excepcional da prestación e do permiso laboral en casos de gran dependencia. A segunda manifesta a solidariedade da corporación coa situación en Ceuta e reclama coordinación entre administracións e recursos suficientes para afrontar a crise humanitaria, migratoria e de convivencia, garantindo os dereitos humanos.




