O encontro, celebrado na Domus, busca explorar os desafíos e as oportunidades que a intelixencia artificial (IA) presenta para a creación, produción e difusión cultural. A iniciativa é froito da colaboración entre a Fundación Contemporánea, o Concello da Coruña e a Axencia Española de Supervisión de Intelixencia Artificial (AESIA).
A xornada foi inaugurada polo concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, e pola directora da Fundación Contemporánea, Sara Magán. Castro destacou o compromiso do goberno local coa innovación e o diálogo sobre os avances tecnolóxicos, sinalando que "o desenvolvemento da intelixencia artificial abre novas posibilidades para a creación e a difusión cultural, pero tamén nos formula importantes preguntas éticas, profesionais e sociais". Engadiu que "é fundamental que cidades como A Coruña participen neste debate e contribúan a construír un uso responsable destas tecnoloxías ao servizo da cultura e do coñecemento".
Castro tamén subliñou que a celebración de 'Periscopio' afianza o posicionamento da Coruña como un centro de reflexión sobre o futuro dos sectores culturais e creativos, facilitando a conexión entre profesionais da cultura, a investigación e a tecnoloxía. A presenza da AESIA na cidade reforza este papel de referente na regulación da IA.
A conferencia inaugural, titulada 'Crear como traballo con, en e malia a intelixencia artificial', foi impartida pola recoñecida escritora e investigadora Remedios Zafra, quen abordou a complexa relación entre a creatividade humana e as ferramentas de IA. Ao longo do día, tamén se analizarán os efectos destas tecnoloxías na produción cultural, na interacción cos públicos e nos modelos emerxentes de creación artística.
O evento conta coa participación doutras voces especializadas como Alberto Gago, director da AESIA; o cineasta e artista Chino Moya; Inmaculada Ballesteros, directora de programación de Acción Cultural Española (AC/E); e Óscar Hormigos, director creativo da Colección SOLO, entre outros expertos do ámbito cultural e tecnolóxico.
O programa inclúe mesas de debate como 'IA, unha nova especie no ecosistema cultural' e 'Co-creando con IA', onde se examinará como estas ferramentas están a transformar as dinámicas de creación, produción, xestión e difusión de proxectos culturais. Ademais, haberá obradoiros prácticos e espazos de networking para fomentar o intercambio de experiencias.
A xornada culminará co lanzamento do hackatón 'Creadores culturais & tecnólogos', que se estenderá ata decembro. Esta iniciativa reunirá equipos multidisciplinares co obxectivo de desenvolver prototipos e explorar aplicacións prácticas da intelixencia artificial na xestión cultural, a creación de contidos e a comunicación de proxectos.




