A rexedora trasladou o agradecemento do Concello polo seu traballo, destacando a súa vocación de servizo público. "Quero agradecerlles ese xesto que é a demostración desa vocación de servizo público que teñen os Bombeiros da Coruña que non dubidan en axudar alí onde se necesita", sinalou a alcaldesa, acompañada pola concelleira de Seguridade Cidadá, Monterrat Paz.
Rey fixo entrega aos bombeiros dun pin de prata da Torre de Hércules, simbolizando o espírito compartido por todo o parque de Bombeiros da Coruña. Destacou a voluntariedade dos profesionais en diferentes sucesos, como a DANA de Valencia ou outras catástrofes, onde "son os primeiros en ofrecerse a prestar axuda sexa como sexa".
Hermida e Blanco desprazáronse a A Guaira, en Venezuela, como parte dun operativo coordinado pola ONG Briegal. Partiron da base aérea de Torrejón de Ardoz xunto a outros profesionais de emerxencias. Sinalaron que foi a súa primeira intervención nunha catástrofe destas características, describindo a situación como "moi dura" e onde o seu traballo se centrou en "tratar de axudar no que sexa posible".
O Concello da Coruña tamén apoiou a misión coa mobilización dun vehículo de emerxencias para as accións de rescate. Os bombeiros lamentaron non poder atopar a ninguén con vida e subliñaron a importancia do apoio mutuo para afrontar a frustración durante as catro xornadas de traballo.




