A competición, organizada pola Federación Galega de Patinaxe coa colaboración do Concello da Coruña, reunirá deportistas procedentes de distintos puntos de Galicia. A proba disputarase na modalidade Street, unha disciplina olímpica, e contará con participación nas categorías Sub 7, Sub 10, Sub 12, Sub 15 e Promesas.
O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, destacou a importancia de acoller na Coruña competicións destas características para fomentar a práctica deportiva entre a mocidade. "Queremos que todas as modalidades deportivas teñan o seu espazo na cidade e que as novas xeracións conten con oportunidades para iniciarse e progresar", sinalou o edil, que tamén puxo en valor o crecemento do skateboarding e a necesidade de "dar visibilidade aos seus deportistas e facilitar instalacións adecuadas para a práctica desta disciplina".
Vázquez tamén puxo en valor a traxectoria de deportistas como Julia Benedetti e Luis Cabarcos como exemplo do potencial do skateboarding coruñés. O concelleiro destacou o Skatepark de Eirís como unha instalación municipal fundamental para promover os deportes urbanos.
A xornada comezará cos adestramentos oficiais, previstos entre as 12.00 e as 14.00 horas, mentres que a competición arrancará ás 15.00 horas. Para participar será necesario dispoñer da licenza federativa en vigor.
Esta proba pon o broche final ao Circuíto Galego Júnior de Skateboarding 2026, permitindo coñecer os novos campións e campioas galegos de Street nas distintas categorías.




