A alcaldesa, Inés Rey, destacou que a elección destas tres figuras representa "a aposta pola educación e a igualdade, o compromiso co galeguismo e o sentimento de pertenza que compartimos a través do Deportivo". A homenaxe coincide con diversas efemérides: o 120 aniversario da fundación do Real Club Deportivo da Coruña e da Real Academia Galega, o 175 aniversario do nacemento de Curros Enríquez e o 90 aniversario do golpe de Estado que marcou o inicio da depuración de María Barbeito como mestra.
O percorrido comezará na Cruz dos Esquecidos e incluirá ofrendas florais. O acto finalizará no Monumento aos Mortos pola Liberdade, no cemiterio civil, cunha lembranza ás vítimas da represión. "Esta homenaxe é tamén un compromiso coa memoria das persoas que construíron A Coruña e coa dignidade de quen sufriu a represión por defender a liberdade", afirmou a alcaldesa.
A homenaxe a María Barbeito Cerviño (1880-1970) reivindicará a súa figura como referente da renovación pedagóxica e impulsora dun modelo educativo baseado na innovación e igualdade. Académica da Real Academia Galega, a súa lembranza tamén recoñecerá o papel das mulleres na modernización do ensino e a persecución que sufriu tras o golpe de Estado de 1936.
O recoñecemento a Federico Fernández Amor-Calvet (1871-1933) conectará co 120 aniversario do Deportivo. Como fundador da Sala Calvet, promoveu o espazo do que xurdiu o club en 1906 e contribuíu ao desenvolvemento deportivo na cidade. A súa memoria está tamén vinculada á Real Academia Galega, que conserva o fondo da familia Calvet.
Manuel Curros Enríquez (1851-1908) será lembrado nos 175 anos do seu nacemento e no 120 aniversario da Real Academia Galega. Poeta e defensor da lingua galega, mantivo unha estreita relación coa Coruña, onde foi coroado en 1904 e onde recibiu sepultura en 1908.




