A enseada do Orzán será o escenario desta tradicional cita do remo galego, organizada polo Concello da Coruña e a Federación Galega de Remo. O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, destacou o arraigamento da proba e a súa importancia no calendario deportivo da cidade.
A principal novidade desta edición atópase na xornada clasificatoria do sábado. Manterase o formato contrarreloxo, pero as traiñeiras competirán de dúas en dúas, en dous carreiros e cun minuto de diferenza entre saídas. A competición comezará ás 17.30 horas coa categoría feminina e continuará coas quendas masculinas ás 17.50 e 18.15 horas. "Este novo formato permitirá facer a clasificatoria máis dinámica e atractiva para o público", sinalou Vázquez.
As finais disputaranse o domingo 23. Tras unha ofrenda aos homes e mulleres do mar ás 11.20 horas, comezará a final feminina ás 11.30 horas. As quendas da final masculina celebraranse ás 12.00 e 12.30 horas, e a entrega de trofeos está prevista para as 13.00 horas. O percorrido será de tres millas, con catro longos e tres ciabogas.
A edición deste ano tamén conta cun aliciente especial coas bandeiras. A bandeira masculina en xogo é a de 2024, e o Club de Remo Chapela, gañador en 2025, podería facerse con ela en propiedade se repite triunfo. Na categoría feminina estrearase unha nova bandeira creada para este 2026, coincidindo coa décima edición do trofeo.
O concelleiro de Deportes invitou á cidadanía a seguir a competición no Orzán, cualificándoa como "unha celebración coa cidadanía" e un punto de encontro "arredor dun deporte profundamente vencellado á cultura marítima galega e á historia da nosa cidade".




