A iniciativa, promovida polo Concello da Coruña a través dos Museos Científicos Coruñeses, distingue anualmente proxectos en ámbitos como o audiovisual, o xornalismo, a radio, a edición, a divulgación dixital ou os programas de participación cidadá vinculados á ciencia.
A alcaldesa, Inés Rey, destacou o papel dos Prismas como un referente da divulgación científica en España, subliñando que "a ciencia só cumpre plenamente a súa función cando logra chegar á sociedade". Engadiu que os premios recoñecen a "persoas e proxectos capaces de traducir o coñecemento en diálogo, en curiosidade e en pensamento crítico".
Rey puxo en valor a diversidade dos proxectos premiados, que demostran que "a ciencia pode expresarse a través dun documental, dun libro, dun podcast, dunha experiencia teatral ou dunha canle dixital", contribuíndo a "construír unha cidadanía máis informada e máis libre".
Os Premios Prismas, na súa trixésimo novena edición, consolidan A Coruña como cidade de referencia na promoción da cultura científica. Os galardóns están organizados polo Concello a través dos Museos Científicos Coruñeses e contan cun xurado de profesionais da comunicación, a educación, a investigación e a divulgación científica. As modalidades, agás Libro editado e Prisma Especial do Xurado, recibiron un Prisma de Bronce e 4.000 euros.
Entre os premiados atópanse proxectos como La luz con el tiempo dentro (mellor traballo en vídeo), a canle de YouTube Cuarentaydos (mellor traballo en novos medios), Del cloro a la diversidad (mellor proxecto sobre auga no medio urbano), o artigo xornalístico de El País "ChatGPT no pasa la prueba: así pone en peligro la vida de los menores" (mellor artigo xornalístico), Calvet en bicicleta (mellor traballo en radio), #LaCienciaDel100 (mellor proxecto singular), Viaje al planeta de los insectos (mellor libro editado) e Desgranando Ciencia (Prisma Especial do Xurado).




