A exposición, que abrirá as súas portas o 30 de abril e permanecerá ata o 10 de xuño, ofrece unha oportunidade única para mergullarse no legado dun dos grandes xenios da historia. Tesla, recoñecido como un visionario adiantado ao seu tempo, sentou as bases de gran parte da tecnoloxía que hoxe coñecemos.
“"Se queres descubrir os segredos do universo, pensa en termos de enerxía, frecuencia e vibración."
A mostra, que conta co selo oficial do Museo Nikola Tesla de Belgrado, percorre a traxectoria vital deste inventor nado en 1856 na actual Croacia e falecido en 1943 en Nova York. Os visitantes poderán explorar as súas principais achegas, como o desenvolvemento da corrente alterna, o motor de indución e os primeiros avances na transmisión alámbrica de enerxía.
Ademais, a exposición destaca o seu carácter pioneiro en campos como a robótica, as enerxías alternativas e as comunicacións interplanetarias, disciplinas que Tesla explorou moito antes de que fosen tomadas en serio pola comunidade científica. Impulsada pola Fundación “la Caixa”, a iniciativa preséntase nun formato innovador de espazos móbiles adaptados, instalados na vía pública.
Estas estruturas están deseñadas para achegar a cultura a todos os públicos, ofrecendo unha experiencia inmersiva e accesible, incluíndo persoas con mobilidade reducida, garantindo así que o coñecemento e a inspiración de Tesla cheguen a todos os cidadáns da Coruña.




