Esta edición especial conmemora os 25 anos dos premios e foi presentada hoxe nun acto que contou coa participación da deputada de Cultura, Natividade González; a vicepresidenta da Academia Galega do Audiovisual, Alba Gallego; o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC), Jacobo Sutil, e o concelleiro de Educación, Formación e Innovación Tecnolóxica do Concello da Coruña, Juan Ignacio Borrego Vázquez.
A edición deste ano conta coa participación de 393 profesionais e 155 producións audiovisuais, que competirán nas distintas categorías dos galardóns. A gala celebrarase en Palexco e estará precedida por un programa de actividades que achegarán ao público as obras candidatas e visibilizarán a diversidade e o talento do sector audiovisual galego.
Natividade González cualificou esta 25ª edición como "moi especial", destacando a transformación do sector e a capacidade do audiovisual galego para "contar historias propias que poden chegar a calquera parte do mundo". Subliñou o traballo dos profesionais e reafirmou o compromiso da Deputación co apoio á cultura, á lingua galega e á industria, entendida como creadora de emprego e oportunidades.
A Academia Galega do Audiovisual abrirá o 19 de novembro a primeira rolda de votacións para elixir os finalistas, que se darán a coñecer o 23 de decembro. Entre as producións participantes figuran 30 videoclips, 24 curtametraxes documentais, 21 curtametraxes de ficción e 7 de animación, 9 longametraxes documentais, 4 longametraxes e 6 longametraxes en lingua non galega, 4 series en galego e 3 noutras linguas, 13 programas informativos, 18 de variedades e entretemento e 16 anuncios publicitarios.
A edición incorpora cambios nas categorías para mellor representar a diversidade de formatos, diferenciando as de Mellor Longametraxe e Mellor Serie en lingua galega e noutras linguas, e modificando a distribución das categorías televisivas. As actividades previas á gala inclúen a proxección de curtametraxes de ficción e animación o 26 de novembro nos Cantones Cines, de documentais o 29 de novembro en Culturgal, e un encontro sobre videoclips o 10 de decembro.




