A Casa dos Xoguetes, organizada pola Oficina Municipal de Información ao Consumidor (OMIC), abrirá as súas portas na rúa Costa da Palloza, 8, do 1 de decembro ao 5 de xaneiro. Esta proposta busca promover a economía circular e o consumo responsable durante a campaña de Nadal a través dun sistema de intercambio gratuíto de xoguetes en bo estado.
As familias poderán entregar xoguetes que xa non utilicen e recibir cupóns para escoller outros artigos dispoñibles, fomentando así hábitos de consumo máis sostibles e colaborativos. A alcaldesa, Inés Rey, destacou o valor educativo e social da iniciativa, subliñando que "reutilizar tamén é unha forma de coidar o medio ambiente e de cohesión coa comunidade".
Ademais do espazo de intercambio, a programación inclúe obradoiros, actividades lúdicas e contacontos gratuítos para nenos e nenas de 4 a 9 anos. As inscricións realizaranse na propia Casa dos Xoguetes quince minutos antes do inicio das actividades, que se desenvolverán ao longo de decembro e xaneiro.
Entre as propostas atópanse 'Un Nadal con segunda vida', 'Os xoguetes inventados', 'Pequenos reparadores' ou 'A ecoorquestra', todas orientadas a promover a creatividade e o consumo responsable.
O horario da Casa dos Xoguetes será de luns a venres de 11.00 a 18.30 horas e os sábados de 11.00 a 14.00 horas. Permanecerá pechada os domingos, 25 de decembro e 1 de xaneiro, con aperturas especiais o 8 de decembro e os días 24 e 31 de decembro.
Por outra banda, o acendido das luces de Nadal será o venres 4 de decembro, data na que tamén abrirá ao público a Praza do Nadal na praza de María Pita, con programación diaria ata o 5 de xaneiro.




